Unhas trinta embarcacións pelearán esta fin de semana por facerse co sexto Trofeo Pitusa Sabín

PORTO DO SON> A proba, como xa acontecerá nas últimas edicións, volverá a ser tamén valedeira para a Copa Galicia de Cruceiros ORC.

As instalacións do Real Club Náutico de Portosín acollían este mediodía a presentación oficial, da trixésimo segunda edición da Regata Mar de Fisterra, Sexto Trofeo Pitusa Sabín. A proba, a máis antiga das que organiza o náutico sonense, disputarase esta próxima fin de semana, o sábado 22 e o domingo 23 de agosto, baixo unhas estritas normas de seguridade para cumprir coa normativa covid.

A familia Hernández-Sabín, principais patrocinadores e promotores da regata, tamén quixeron estar presentes dalgún xeito no acto. Fixérono a través dun pequeno vídeo, xa que a actual situación provocada pola pandemia impediulles viaxar dende os Estados Unidos, onde residen.

A regata, como aconteceu en anteriores edicións, volverá a ser valedeira para a Copa Galicia de Cruceiros ORC, e nela está prevista a participación dunhas trinta embarcacións.

Entre as autoridades que tomaron parte na presentación da regata atopábanse tamén en representación do Concello os edís de Deportes e Dinamización Turística, Juan Pouso e Manel Deán, respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí