NOIA> O BNG critica as axudas para mariscadores anunciadas pola Consellería do Mar. Ademais de consideralas insuficientes, os nacionalistas esixen aclaracións sobre os criterios para a súa concesión que se articulará mediante convenios coas confrarías.
Hai dúas semanas a Consellería do Mar anunciaba axudas para as mariscadoras a pé que realizasen tarefas de rexeneración dos bancos. As achegas máximas ascenderían a 700 euros mensuais, contía que o BNG consideran insuficiente posto que están por baixo do que cobrarían no caso de acollerse a un cese de actividade.
Fronte ás medidas compensatorias, os nacionalistas propoñen un plan integral de rexeneración das rías que inclúa estudos científicos sobre a perda de produtividade e investimentos en saneamento.
A través dunha iniciativa parlamentaria, o BNG demandará á Xunta que aclare publicamente os criterios para a concesión das axudas ós mariscadores e que se atenda tamén ás confrarías en situación extrema para garantir a súa supervivencia.
No paquete de medidas presentadas no Parlamento instan tamén á Xunta a negociar co goberno central a bonificación das cotas á Seguridade Social para os mariscadores así como a solicitar a declaración de zona catastrófica das rías.











