Escolares de Boiro participan na ‘xincana da saúde’ organizada pola Cruz Vermella

    BOIRO > Un grupo de escolares de Boiro participaron na festa de clausura do curso de Educación para a Saúde impartido pola Asociación Local da Cruz Vermella. Neste encontro, que tivo lugar no Pavillón Polideportivo da Cachada, os rapaces participaron nunha xincana na que as probas a realizar estaban relacionadas cos hábitos de vida saúdables.

    cruzvermella_300_250506.jpgCon esta ‘Festa da Saúde’ a Cruz Vermella de Boiro da por concluídas as actividades que se veñen realizando dende o mes de decembro nos centros escolares encamiñadas a promove-la saúde e evita-los comportamentos de risco nos adolescentes. Os nenos que asistiron a estas charlas, de entre 15 e 17 anos, participaron nunha orixinal xincana que puxo a proba os coñecementos adquiridos durante os obradoiros.

    O balance desta actividade que o persoal da Cruz Vermella vén impartindo dende hai anos en Boiro é altamente positivo posto que os participantes amosan un enorme interese polos temas relacionados coas drogas ou a sexualidade.

    O obxectivo de ‘Educación para a saúde’ é conseguir que os rapaces aprendan a desenvolver hábitos de vida saúdables evitando os riscos derivados dalgunhas conductas sociais.

    Redacción Barbanza