O VII Premio Leixaprén recae sobre a Sala Nasa de Santiago

    RIANXO > O Instituto Félix Muriel de Rianxo converteuse no escenario da entrega do VII Premio Leixaprén, que recaeu sobre a Sala Nasa de Santiago. Esta distinción, outorgada polos equipos de normalización lingüística de nove centros educativos, ten por obxectivo recoñecer a labor de diferentes persoas e colectivos na difusión e normalización do galego

    leixaprn_300_250506.jpgNon sorprendeu a ninguén a decisión de galardonar con esta distinción ó colectivo Chévere, xestor da Sala Nasa de Santiago, que dende o ano 1992 vén realizando unha importante labor de difusión da cultura galega e de normalización da nosa lingua.

    No transcurso do acto, que este ano se celebrou no instituto Félix Muriel de Rianxo, rendeuse unha homenaxe póstuma ós dous poetas rianxeiros, Faustino Rey Romero e Xosé María Brea Segade. Os expertos Manuel Castro e Xosé Ramón Brea Rey repasaron a vida e obra dos dous escritores nun emotivo acto intercalado polas actuacións dos escolares que encheron de música e poesía o escenario.

    O momento máis agardado chegou coa entrega da copa Leixaprén que foi recollida polos actores Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, integrantes do teatro Chévere. Os premiados expresaron a súa satisfaccion ante esta distinción posto que consideran a lingua galega coma vehículo normal de transmisión e de conexión co público.

    De feito, este grupo teatral está a traballar xa en novas creacións con carácter universal que pretenden sobrepasar as fronteiras da fala ou o territorio. Con esta filosofía iniciarán a rodaxe da largometraxe ‘Os Crebinsky’  que extrapola un tema galego a calquera parte do mundo.

    Ademais deste proxecto audiovisual os Chévere seguirán levando a escea as aventuras de ‘Pepe o Inglés’ e o seu espectáculo de teatro tentacular, do que moitos barbanzáns xa puideron desfrutar hai uns días na carpa da Cultura Circula.

    Redacción Barbanza