Noia disporá este exercicio dun orzamento próximo ós 13 millóns

NOIA> O concello de Noia disporá este ano dun orzamento próximo ós 13 millóns de euros. O documento orzamentario saíu adiante cos apoios do PP e do NOIA. O resto da corporación votou en contra.

O documento orzamentario que vén de ser aprobado en pleno contempla un investimento próximo ó millón oitocentos mil euros que tendo en conta as actuacións dividades en dúas anualidades ascende a preto de 3 millóns. Entre os investimentos máis destacados destaca a reforma da praza de abastos, xa adxudicada por valor dun millón, ou as actuacións en materia de saneamento nos lugares de Augalevada, A Albariza, Ousoño e O Couto.

O alcalde destacou tamén as obras de pavimentación que se van acometer en lugares como o Obre, A Barquiña ou Pereiro de Arriba así como a mellora do parque infantil de San Lázaro.

Tamén se reforzas as partidas para melloras en centros educativos, o servizo de axuda no fogar ou a organización de actividades culturais e festivas como a Feira medieval ou as festas de san Bartolomeu. O alcalde non entende o voto en contra da oposición cando se incorporaron moitas das propostas formuladas polos grupos.