A Asociación Boiresa de Empresarios presentou á persoa que se encargará da xerencia do Centro Comercial Urbano, un posto que recaeu en Tomás Estévez, así como douse a coñece-lo logotipo deseñado que caracterizará ós comercios adheridos a esta iniciativa e que foi realizado pola empresa Ceman Dixital.
Un bo número de comerciantes de Boiro, a maioría deles socios da Asociación Boiresa de Empresarios, celebraron onte pola noite unha xuntanza na sede desta entidade co fin de analizar diferentes aspectos sobre a implantación do centro Comercial Urbano na localidade.
O presidente da patronal boiresa, Joaquín Vilas, aproveitou tamén a ocasión para presentar ó novo xerente, un posto que recaerá na persoa de Tomás Estévez.
Precisamente Tomás Estévez explicoulle ós presentes as principais liñas a seguir a partir de agora co gallo da implantación definitiva do Centro Comercial durante este mes de outubro.
Un dos primeiros pasos a levar a cabo será a instalación duns monolitos e varios puntos de información multimedia, así como a creación dunha páxina web.
Durante a xuntanza tamén se presentou o novo logotipo do Centro Comercial Urbano de Boiro que a partir de agora identificará a aqueles establecementos adheridos a esta iniciativa.O deseño foi realizado por unha empresa boiresa: Ceman Dixital, que ademais son socios da ABE.
Ó longo da reunión tamén se abreu un turno de preguntas, no que os comerciantes expuxeron as súas principais inquedanzas en relación á posta en marcha do Centro Comercial Urbano como as pautas a seguir a partir de agora ou as cuotas a aboar.
Redacción Barbanza