![]()
VILAGARCÍA > O servizo de Análises Clínicas que presta a Casa do Mar en Vilagarcía manterase tal e como estaba. Alomenos, de momento. Trala alarma social xerada pola non renovación do contrato do facultativo encargado do servizo, parece que todo se queda en nada coa incorporación ó seu posto de traballo dun novo analista.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés non tardou en amosar a súa satisfacción pola noticia da renovación do servizo de análises Clínicas trala reunión mantida con motivo da súa posible suspensión. A plataforma considera acertada a decisión de Sanidade de rectificar despois de detectar que se estaban a dar os primeiros pasos para a desmantelación do servizo.
Ás dependencias sanitarias chegaba o novo facultativo que se responsabilizará do servizo de análises, o que garantiza, polo momento, a súa continuidade. Consideran que os xestores do CHOP cometeron un erro de previsión ó non resolver con antelación a renovación ou substitución do médico-analista ó que lle finalizaba o contrato. Algo que facía pensar que os cidadáns se terían que desprazar ata Pontevedra para poder facer unha análise. O servizo, polo tanto queda, como estaba á espera das conclusións do plan funcional que se está elaborando para toda a área de saúde norte de Pontevedra.
Redacción Salnés









