BARBANZA> Tras trece días de peche, o encerro no hospital do Barbanza chegou á súa fin. A xerencia da área sanitaria accedeu finalmente a reunirse con representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. A xuntanza terá lugar este venres nas dependencias do centro comarcal.
Foron necesarios 13 días coas súas 13 noites para chamar a atención da xerencia da área sanitaria de Santiago Barbanza que finalmente accedeu a reunirse cos representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.
A xuntanza terá lugar o venres pola tarde no hospital coa presenza do xerente da área sanitaria e o director do centro comarcal. Os membros da plataforma trasladaranlle a súa preocupación ante a situación das listas de espera así como a necesidade dunha maior transparencia sobre os datos oficiais que se publican e que, ó seu entender, non plasman a situación real da sanidade.
Ó longo deste encerro, non só a cidadanía senón tamén o tecido cultural da comarca amosou o seu apoio á protesta na que se recolleron preto de dúas mil sinaturas. A decisión de poñer fin ó encerro non supón o cese das concentracións semanais que se manterán diante dos centros de saúde de Aguiño e da Pobra así como en Rianxo o primeiro martes de cada mes.











