![]()
RIBEIRA > A Consellería de Traballo vén de concederlle un obradoiro de emprego a Ribeira, o que posibilitará materializar un antigo proxecto do executivo local para a eliminación de barreiras arquitectónicas no municipio. O obradoiro, que levará o nome de ‘Illa de Sagres’, como se denominaron as primeras escolas taller que houbo na localidade, terá tres especialidades: carpintería, xardinería e pavimentación.
Imaxes coma esta volverán a repetirse este ano en Ribeira, xa que a Consellería de Traballo vén de concederlle ó executivo local a posta en marcha dun novo Obradoiro de Emprego ‘Illa de Sagres’ que terá como un dos seus grandes obxectivos a eliminación de barreiras arquitectónicas neste municipio.
O obradoiro que vén de ser concedido pola Consellería de Traballo vai ter tres especialidades: pavimentador con lastros, carpintería e xardinería.
A súa posta en marcha, que deberá producirse antes do vindeiro 30 de xuño, posibilitará a inserción laboral de persoas desempregadas a partir de 25 anos. Poderán ser beneficiarios deste programa os desempregados de ambos sexos que cumpran este requisito de idade, debendo estar ademais inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os alumnos-traballadores recibirán, ó mesmo tempo, formación teórica e práctica e ó remate do proxecto recibirán uns diplomas acreditativos da súa participación. As persoas que desexen recibir máis información poden dirixirse á Oficina de Desenvolvemento Local, situada na Casa do Concello, ou ben chamando ó teléfono: 981835417.
Para a eliminación de barreiras arquitectónicas o Concello contou coa colaboración da Asociación de Minusválidos do Barbanza, AMBAR, xa que as persoas con mobilidade reducida son os principias beneficiarios da accesibilidade do contorno. Desde AMBAR realizáronse contribucións para que as obras que se vaian levar a cabo se realicen con criterios axustados ás súas demandas. No colectivo de persoas con mobilidade reducida inclúense persoas con discapacidade, persoas con problemas temporais de mobilidade, anciáns, mulleres embarazadas, portadores de bebés e portadores de carros diversos.
Redacción Barbanza











