Os mariscadores de a pé de Cabo de Cruz inician ben a campaña de verán

    BOIRO > Os mariscadores de a pé de Cabo de Cruz iniciaron a campaña marisqueira de verán na praia de Barraña. Polo momento, o balance desta primeira xornada está a ser moi positivo con abundantes capturas e do tamaño axeitado para a súa comercialización. Agora todo depende do prezo que acaden no mercado.

    mariscadores_300_230506.jpgPreto de 180 mariscadores traballaron hoxe no areal boirés de Barraña na xornada de apertura da campaña de verán. Os profesionais faenarán durante dous días neste banco marisqueiro aproveitando que as mareas son moi pequenas e deixarán a actividade ata o vindeiro 8 de xuño cando retomen a campaña.

    A pesar das perdas experimentadas polo banco natural de Barraña, o patrón maior da confraría de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, sinalou que existe aínda abundante marisco polo que as expectativas son bastante boas.

    Os profesionais realizaron un balance moi positivo da xornada na que a maioría acadou o tope establecido. O colectivo acordou nunha asemblea celebrada o pasado sábado establecer o cupo en vinte quilos de berberecho e un de ameixa xapónica ou dous de ameixa fina e un de xapónica.

    Tras dous meses de inactividade, o prezo do marisco no mercado constitúe unha total incertidume polo que os topes poderían verse incrementados en función do valor acadado.

    Redacción Barbanza