Lousame licitará nas próximas semanas o arranxo da cuberta no pavillón da Silva

LOUSAME> O concello de Lousame sacará a licitación nos próximos días o arranxo da cuberta do polideportivo da Silva. Trátase dun proxecto que ascende a cento trinta mil euros, cofinanciados pola Consellería de Educación e o concello.

Tras asinar o convenio coa Consellería de Educación, o concello de Lousame acometerá a substitución da cuberta do polideportivo da Silva. Dará así cumprimento a unha obra moi demandada tanto pola comunidade educativa, que utiliza o pavillón como ximnasio, como o resto de usurarios da instalación.

Non é esta a úncia obra que ten entre mans o executivo lousamiano. Tamén está a piques de licitar a mellora da estrada entre Portobravo e Tállara por valor de catrocentos cincuenta mil euros.

A alcaldesa informou tamén doutros proxectos de pavimentación que están a punto de comezas como as melloras en San Xusto, Arxellas e Lesende ou o arranxo no interior das aldeas de Pousada, Figueroa e Escabia.