O legado de Don Dositeo a prol da normalización do galego nos cemiterios de Ribadumia

RIBADUMIA> O uso do galego é cada vez máis frecuente nos cemiterios. A nosa lingua pasou de ter unha presenza case nula nos camposantos, polos prexuízos lingüísiticos, a facerse un oco cada vez máis grande. Ribadumia é un dos concellos da nosa contorna onde o noso idioma gaña terreo. O 3% dos nichos están escritos en galego. Así se desprende dun estudo elaborado por unha veciña da localidade partindo dunha proposta do Consello da Cultura Galega.

Neste cemiterio de Santa Baia de Ribadumia case o 4% das tumbas están escritas en galego. O dato despréndese dun estudo feito por unha veciña deste municipio, elaborado logo de asistir a unhas xornadas sobre a presenza do galego no ámbito funerario. Despois de percorrer todos os camposantos do concello, conclúe que polo de agora 3 de cada 100 veciños optaron polo noso idioma para as súas lápidas.

Do estudo, Ana salienta a presenza cada vez maior que ten o galego nos cemiterios do municipio, na liña que o que está acontecendo no resto de Galicia. Aínda que nalgúns deles a súa presenza é case nula, como no da parroquia de Lois, ela destaca que cada vez o noso idioma ten máis presenza no conxunto dos cemiterios ribadumienses.

Nesta misión de normalización da lingua propia tamén nos cemiterios destaca o papel de curas históricos destas terras como Don Dositeo ou Don Tucho. Eles empregaron con normalidade o galego nos seus oficios, fomentando o seu uso entre a comunidade tamén á hora de dar o derradeiro adeus.

Pero o certo é que a día de hoxe a presenza do galego nos cemiterios ou esquelas segue a ser moi reducido, malia ser o idioma habitual no que se comunicaban a maioría dos defuntos. Detrás disto perviven aínda prexuízos históricos, que arrastraron o galego a un contexto coloquial fronte ao predominio do castelán para os ámbitos de prestixio.  

Polo que o obxectivos de iniciativas como esta é ir normalizando paseniñamente o uso do galego en tódolos ámbitos, incluído o funerario. Un convite á reflexión para todos nós, porque se durante a nosa vida falamos en galego como non o imos empregar na nosa lápida, para que o galego siga vivo máis alá da nosa morte.