Pesca financiará as axudas ós mariscadores rianxeiros

    RIANXO > A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carme Gallego, reuniuse cos representantes da Confraría Virxe do Mar de Rianxo para abordar as principais necesidades do sector. A representante autonómica comprometeuse a financiar dende o seu departamento os proxectos presentados polo colectivo entre os que se atopan a rexeneración dos bancos marisqueiros, o incremento de persoal e un 50 por cento de bonificación da seguridade social durante seis meses.

    pesca_300_31052006.jpgA nova política de axudas posta en marcha pola Consellería de Pesca está a traer boas novas para os mariñeiros de Rianxo. Os representantes da Confraría Virxe do Mar asistiron esta mañá a unha xuntanza coa titular de pesca, Carme Gallego, que adquiriu o compromiso de financiación dos proxectos presentados polo colectivo.

    A Consellería achegará axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros danados durante  o temporal, compra de semente de ameixa babosa e fina e vertido de cunchilla de berberecho a flote. Así mesmo investirá preto de cen mil euros na contratación de persoal de vixiancia, asistencia técnica e administrativo. Contémplase ademais o cincuenta por cento de bonificación da seguridade social tanto a pé como a flote durante seis meses.

    O balance destas axudas é altamente positivo para o sector do mar que poderá así facer fronte ás importantes perdas nos bancos marisqueiros ocasionadas polo temporal. Neste sentido, a Conselleira considera que estas axudas chegan a tempo posto que foi preciso avaliar o volume de perdas e estudar detidamente as medidas a tomar.

    Por outra banda, a Consellería de Pesca tamén ten previsto apoiar os proxectos conxuntos nos que participa a confraría rianxeira, entre os que se atopan a vixilancia nos lombos do Ulla, Cabío e O Boído ou a lonxa única.

    No transcurso da xuntanza, os pescadores expuxeron tamén a necesidade de axudas para as embarcacións de arrastre ou a creación dun fondo de compensación económica para facer fronte ás perdas no sector marisqueiro no caso de temporal.

    Redacción Barbanza