O BNG pide a Fomento que estude unha alternativa ó acceso ó porto en Rubiáns

    VILAGARCÍA > O BNG eleva ó Congreso dos Deputados a preocupación dos veciños de Rubiáns afectados polo acceso ó porto de Vilagarcía. A deputada Olaia Fernández presentou dúas iniciativas na que insta ó Ministerio de Fomento a estudar a alternativa presentada por este colectivo, que reduciría o impacto desta obra na parroquia.

    A deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández insta ó goberno do Estado a estudar minuciosamente a alternativa ó acceso ó porto de Vilagarcía presentada polos veciños de Rubiáns. En sendas iniciativas presentadas no Congreso, Olaia Fernández, advirte do serio impacto para os habitantes desta parroquia vilagarciá e para a súa actividade que provocaría a construcción das vías de acceso ó porto e á autoestrada do Atlántico, tal como as ten proxectado o Ministerio de Fomento.

    A deputada nacionalista lembra ó Estado que os propios veciños lle teñen presentado a Fomento unha alternativa ó actual trazado que evitaría a expropiación da maior parte das vivendas afectadas e a destrucción de zonas arbóreas a protexer. O pasado mes de febreiro presentaron un escrito no que pedían o desprazamento da rotonda prevista no lugar do Lago, das zonas complementarias de acceso ó Hospital do Salnés e á propia parroquia, e do acceso ó polígono industrial anunciado.

    Olaia Fernández apunta a preocupación dos veciños sobre o acceso que se contempla para o Hospital do Salnés, que consideran un despropósito ó formularse sobre unha vía de servizos por onde circula unha gran variedade de tráfico e que dificultaría o paso urxente de ambulancias. Recolle a proposta veciñal e insta ó goberno a revisar o proxecto e executar un acceso exclusivo ó centro hospitalario.

    Redacción Salnés