MADRID> A Mancomunidade presenta en Madrid Salnés Slow Business. Trátase dunha nova proposta turística que ofrece a oportunidade de combinar traballo e lecer. Máis de 80 negocios e empresas forman parte xa desta iniciativa dirixida a empresarios, altos executivos ou nómadas dixitais que precisan un descanso pero non poden desatender as súas responsabilidades laborais.
A Casa de Galicia en Madrid foi o escenario elixido para a posta de longo de Salnés Slow Business. Coa presenza de todos os alcaldes da comarca, agás do de Vilanova, que estivo representado polo seu tenente de alcalde, a Mancomunidade presentou esta proposta turística pensada para aqueles que buscan combinar a vida persoal e laboral.
Salnés Slow Business aglutina xa unhas 80 empresas do sector, recollidas xa nunha páxina web específica. Din dende a Mancomunidade que é un novo xeito de adaptarse ás necesidades do futuro. Está dirixido especificamente a un perfil de empresario ou alto executivo que precisan un descanso pero non poden desatender as súas necesidades laborais.
A oferta non só recolle aloxamentos turísticos, senón tamén opción de transportes con chófer privado, retiros espirituais ou oferta de lecer. Un xeito, explican dende a Mancomunidade de desestacionalizar a demanda turística e espallala ao longo de todo o ano.
Porque a desestacionalización segue a ser o principal obxectivo da Mancomunidade en materia turística.
Neste acto, ao que tamén asistiron representantes do sector privado, participou o presidente da Deputación de Pontevedra. Luis López aproveitou para enxalzar a comarca do Salnés como un piar fundamental dentro da estratexia turística das Rías Baixas.











