Coti, Pereza ou Milladoiro porán a nota musical ó centenario de Ribeira

    RIBEIRA > O concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano Fernández, presentou as actuacións incluídas nos ‘Concertos do Centenario’ e que traerán a Ribeira durante os meses de xullo e agosto oito espectáculos do máximo nivel, tanto no ámbito galego coma nacional. Coti, Los Suaves, Pereza ou Milladoiro serán algúns dos artistas que poderán verse en Ribeira de xeito gratuíto este verán.

    Co obxectivo de celebrar por todo o alto este ano o Centenario da Concesión do Título de Cidade, o executivo ribeirés vén de presentar unha serie de actuacións que se desenvolverán ó longo dos meses de xullo e agosto.

    Tódolos espectáculos con máximas figuras do panorama musical español como é o caso de Coti, Pereza, Los Suaves e Muchachito Bombo Infierno, así como tamén os principais grupos musicais galegos entre eles Milladoiro, Brath, Berrogüetto ou Luar na Lubre serán gratuítos para que tódolos veciños de Ribeira e doutros concellos veciños poidan desfrutar deles durante este Centenario.

    Luciano Fernández sinalou que polo de agora aínda non están fixadas as datas definitivas destes concertos, nin tampouco o lugar no que se desenvolverán.

    Para levar a cabo estas actuacións o executivo ribeirés destinou unha partida duns 150 mil euros.

    Redacción Barbanza