Os bombeiros de Boiro rescatan a unha persoa nun incendio en Exipto

BOIRO> Esta mañá efectivos dos Parques de Bombeiros de Boiro e Ribeira tiveron que actuar por un incendio nunha vivenda no lugar de Exipto, na parroquia boirense de Abanqueiro. O lume afectou a unha das habitacións da casa. Por fortuna non houbo que rexistrar danos persoais.

O lume orixinábase ó redor das once desta mañá nunha das habitacións superiores desta vivenda situada no lugar de Exipto, na parroquia Abanqueiro.

Nese momento no interior da casa atopábase unha parella de avanzada idade. O varón, encontrábase na estancia superior, no balcón, e tivo que ser evacuado polos bombeiros coa axuda dunha autoescada. A muller puido saír polos seus propios medios do interior da vivenda. Ningunha dos dous precisou asistencia médica.

Polo de agora descoñécense as posibles causas do lume, aínda que todo apunta a que puidera deberse ó mal funcionamento dunha estufa eléctrica.

A habitación quedou calcinada por completo e o fume tamén afectou ó resto da vivenda.

Ademais dos bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, no operativo tamén participaron 061, o Servizo Municipal de Emerxencias e Policía Local e Garda Civil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí