A XXXIV Festa do Viño Tinto congregou a 40.000 persoas na fin de semana

tintobarrantes_100_050606.jpgRIBADUMIA > Ribadumia celebrou esta fin de semana a trixésimo cuarta edición da Festa do Viño Tinto de Barrantes. As altas temperaturas que se acadaron na comarca non foron impedimento para que se deran cita miles de persoas que non quixeron deixar de probar nin o viño nin, por suposto, a degustación gratuíta de pan de millo e chourizos do sábado.

josemanuelrodriguezisi_200_050606.jpgOs mellores tintos de Barrantes puidéronse catar esta fin de semana na terra que lle deu o seu nome. Barrantes foi un fervedoiro de xente na que se presentou como a máis calorosa das fins de semana no que vai de ano. Unhas corenta mil persoas, segundo fontes oficiais, visitaron a festa entre o venres e o domingo e deron saque a uns vinte mil litro de viño. O sábado déronse cita as autoridades do Salnés ante o concello de Ribadumia. Detrás da charanga desfilaron polas estradas a alcaldesa Salomé Peña ou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, entre outros. Acompañábaos o pregoeiro, José Manuel Rodríguez, coñecido popularmente como Isi quen, nun improvisado e longo discurso arrancou os sorrisos dos veciños.

Salomé Peña non quixo deixar pasar a ocasión sen expresar o seu agradecemento ós verdadeiros protagonistas desta festa: os veciños e mailos viticultores. Como en toda boa festa gastronómica que se prece non podía faltar a comida. Tralo pregón foron moitos os que cambiaron o día de praia pola degustación gratuíta de chourizo e pan de millo acompañado, por suposto, dunha boa cunca de viño. Xusto despois realizouse o xantar oficial no pavillón de Barrantes no que se celebrou a comida de confraternidade. Alí déronse cita tódalas autoridades do municipio ribadumiense e de outros concellos do Salnés. Algúns deles fixeron entrega dos premios do concurso de catas que se deron ó remate da comida.

Redacción Salnés