Política Territorial prevé iniciar as obras da variante de Vilagarcía este ano

    VILAGARCÍA > A circunvalación norte, unha autovía ata Curro, dous enlaces desde a vía rápida con Cambados cara o Porto e cara a Autoestrada. Son os principais investimentos anunciados este luns en Vilagarcía pola conselleira de Política Territorial, na súa primeira visita institucional ó concello.

    visita_caride_300_050606.jpgPolítica Territorial prevé iniciar as obras da variante de Vilagarcía antes de que remate este ano. Así o indicou a Conselleira María José Caride durante a súa visita institucional ó concello arousán. A obra está en fase de recepción de ofertas para a súa adxudicación cun presuposto inicial de preto de 29 millóns de euros. A conselleira tivo oportunidade de visitar o punto de partida da futura variante norte, en Bamio. A nova vía conectará polo norte coa estrada Pontecesures – Vilagarcía á altura de Carril, e ó sur coa nova estrada de acceso ó Porto que construirá Fomento. A actuación permitirá desviar o tráfico que atravesa hoxe en día o núcleo urbano de Vilagarcía.

    Dentro das necesidades da rede viaria do Salnés que se analizará no Plan de Infraestructuras de Transporte de Galicia, unha peza fundamental para a Xunta é definir a conexión de Vilagarcía con Pontevedra. Caride confía en que o vindeiro ano estean definidos os estudos informativo e de impacto ambiental. O investimento da obra podería superar os 50 millóns de euros. A consellería considera que a mellor solución sería darlle trazado de autovía ó tramo Vilagarcía – Curro, e na continuación cara Pontevedra, a Xunta prevé unha ampliación a tres ou incluso catro carrís. Neste caso están a coordinarse co Ministerio de Fomento.

    Outros investimentos previstos por Política Territorial mellorarán a conexión da vía rápida Cambados – Vilagarcía co porto e coa autoestrada AP-9, cun presuposto de dous millóns de euros o primeiro e preto de 3 millóns o segundo. Caride estima que se inicien antes de fin de ano e se coordinen coa execución do enlace ó porto.

    Redacción Salnés