PONTEVEDRA > Tres cidadáns rumanos, dous deles detidos pola Policía Local de Pontevedra, son os responsables de falsificar 26 tarxetas de crédito e utilizalas posteriormente para adquirir productos de alta gama, como teléfonos móbiles de última xeración, xoias ou perfumes. A provincia de Pontevedra, xunto con Santiago de Compostela, foron os lugares escollidos para efectua-los pagos coas tarxetas falsificadas.
No mes de outubro, novembro e decembro os estafadores estiveron en establecementos de perfumería, xoiería, audiovisuais, telefonía móbil, roupa, estacións de servizo e hoteis nas localidades de Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, Cuntis, A Estrada, Lalín e Santiago e nas estacións de servizo da autovía de Valencia a Madrid e Rías Baixas. Así se desprende da investigación levada a cabo pola Brigada Provincial da Policía Xudicial e que se saldou coa detención de dous homes de nacionalidade rumana e un terceiro, pendente da súa detención.
Algo tan habitual como o pago mediante tarxeta de crédito supón un perigo en canto á privacidade das nosas contas bancarias. Iso foi o que pensaron os cidadáns que viron mermados os seus cartos sen razóns aparentes.
As 26 tarxetas falsificadas foron emitidas por bancos estranxeiros, sendo os titulares de Italia, Reino Unido, Noruega, Australia e Estados Unidos. Os falsificadores copiaban as tarxetas orixinais e facían novas con identidades ficticias, co número da tarxeta verdadeira e a data de caducidade. Unha vez obtidas as tarxetas, falsificábanse os documentos de identidade, onde todos os datos eran falsos e non se corresponden con ningún cidadán dos paises onde se utiliza esa documentación.
Unha vez obtidas as tarxetas, entregaban a documentación falsa a xente que non ten antecedentes para en 2 ou 3 días e nunha cidade distinta á que residen realicen as compras ata agotar o crédito. Os productos adquiridos polos delincuentes son de doada venta no mercado clandestino, co que se prexudica seriamente ó comercio que vende os productos baixo tódalas esixencias legais establecidas.
Redacción Salnés