O colexio Galaxia de Ribeira gaña o concurso das Aulas Náuticas

    BARBANZA > As Aulas Náuticas Medioambientais, desenvolvidas ó longo do curso pola Mancomunidade Arousa Norte en distintos colexios do Barbanza, chegaron á súa fin cun orixinal concurso. Os rapaces puxeron a proba os coñecementos adquiridos durante estas clases nunha competición moi igualada por acadar o primeiro premio consistente nunha viaxe ó Aquapark de Cerceda.

    aulasnuticas_200_060606.jpgArredor de cen rapaces procedentes de diversos colexios de Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira participaron no Primeiro Concurso de Aulas Náuticas Medioambientais que tivo lugar no Pavillón Polideportivo de Venecia na Pobra. No certame participaron seis representantes de cada colexio que fixeron gala de todos os seus coñecementos en materia medioambiental, adquiridos durante o desenvolvemento das aulas.

    Os cativos tiveron que facer fronte tamén ás probas ‘incordio’ deseñadas polos seus monitores que os fixeron moverse dun lado a outro da pista polideportiva para relacionarse con tódolos participantes.

    Finalmente, e tras unha competición do máis axustada foi o colexio Galaxia de Ribeira o que conseguiu facerse co primeiro premio consistente nunha viaxe ó Aquapark de Cerceda para tódolos alumnos mentres que os segundos e terceiros clasificados, foron os rapaces do colexio Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal e o Santa María do Castro de Cabo de Cruz, respectivamente, que deste xeito conseguiron levarse diverso material tecnolóxico e audiovisual.

    O resto dos centros participantes fnon foron para casa coas mans baldeiras senón que recibiron un libro sobre natureza e medio ambiente como recordo do seu paso polo concurso.

    Redacción Barbanza