Detida unha moza de Barro por acoitelar presuntamente á súa nai

    CASAAGRESIONBARRO copia.jpg BARRO> O suceso aconteceu no lugar de Triabá, en Perracanai. As mulleres son coñecidas na zona co alcume das ‘indianas’.

    Unha moza de Barro de 28 anos foi detida onte pola noite acusada de acoitelar, presuntamente á súa nai. A alarma saltaba na madrugada do martes ó mércores cando os axentes recibían a nova dunha agresión nun domicilio de Barro, concretamente no lugar de Triabá, parroquia de Perrecanai.

    Segundo informan desde a Garda Civil, cando os axentes se personaron no lugar atoparon a unha muller sentada na entrada desta casa con diversos cortes na nuca e no brazo. A muller dixo que fora a súa filla, Seena Joginder Outón de 28 anos, a que a agredira. Foi trasladada ó hospital de Montecelo e xa recibiu a alta médica. En torno ás once da noite de onte era detida a moza por un suposto delito de lesións con arma branca.

    Segundo relataron os veciños da zona a Canal Rías Baixas, as mulleres son coñecidas polo alcume das indianas, e trataríase dunha familia conflitiva cun amplo expediente de agresións, aínda que as mesmas testemuñas apuntan a que nunca chegaran ata este extremo. Está previsto que a moza pase a disposición do xulgado de instrución número dous de Cambados.

    Redacción Salnés