Os estibadores de Vilagarcía en pé de guerra co presidente de Portos

    VILAGARCÍA > O colectivo de estibadores fixos discontinuos de Vilagarcía arremeteu moi duramente contra o presidente de Portos de Galicia. Vicente Irisarri asegurou hai uns días que non se podían garantir mellores salarios a estes traballadores porque son un colectivo incontrolable que fai un traballo complementario a maiores doutra actividade.

    Tanto os estibadores como o responsable sindical de CC.OO., Ramón Bueno, foron especialmente duros co presidente de Portos de Galicia pola súa actitude e as últimas declaracións sobre a situación destes traballadores.

    Dende CC.OO. recordan que a figura dos fixos discontinuos está máis que recoñecida para que veña agora Irisarri a cuestionala. Incluso se recollen medidas específicas para eles no Plan de Emprego Estatal que entrará en funcionamento o un de xullo. De aí que o sindicato pida unha equiparación e un Plan Social que recoñeza de forma clara a estes traballadores e a súa peculiar situación.

    Redacción Salnés