Asinados os protocolos policiais de violencia de xénero

    CALDAS/VILAGARCÍA > As Xuntas Locais de Seguridade de Caldas e Vilagarcía asinaron este martes os protocolos policiais en materia de violencia de xénero e doméstica. No caso de Caldas, Garda Civil e Policía Local coordinarán o control de 15 ordes de protección, mentres que en Vilagarcía serán as policías Local e Nacional as que se repartan as 54 ordes.

    delfintobio_300_060606.jpgA Policía Local de Caldas e a Garda Civil coordinaranse no control das 15 ordes de protección para víctimas de violencia de xénero e doméstica vixentes neste concello. Así o acordou este martes a Xunta Local de Seguridade que estivo presidida polo Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández. Nos últimos tres anos a Garda Civil ten contabilizados 28 denuncias. No que vai de 2006 xa son dous casos, o último produciuse onte mesmo nunha zona do rural. A víctima, unha rapaza de once anos que foi supostamente agredida sexualmente por un veciño. De todas estas denuncias, o xulgado ten dictado 15 ordes de protección, cinco no casco urbano, das que se encargará a Policía Local, e o resto no rural que se serán controladas pola Garda Civil. A maioría son mulleres e só unha das ordes é para protexer a un home.

    O concello recibiu estes datos con sorpresa xa que ningunha das víctimas pasaron polo CIM e polo tanto non tiña coñecemento destes casos. En todo caso, o alcalde valora positivamente a tendencia á baixa destes delitos, que pasou de 15 en 2004, a 9 no pasado ano. A vindeira semana o concello promoverá unha reunión coas forzas de seguridade, o xuíz de violencia de Caldas, o coordinador do Centro de Saúde e o Centro de Información á Muller. O obxectivo é coordinar a atención ás víctimas.

    delfingago_300_060606.jpgEste martes tamén se reuniu en Vilagarcía a Xunta Local de Seguridade con este mesmo asunto enriba da mesa. Segundo sinalou o subdelegado do goberno en Pontevedra na vila arousá hai 54 ordes de protección vivas que se distribuirán entre os corpos de policía Nacional e Local. No que vai de ano, en Vilagarcía de Arousa realizáronse 31 denuncias relacionadas con casos de violencia de xénero ou doméstica. Dous menos que no mesmo período de 2005. Sen embargo, actualmente aínda permanecen vivas 54 ordes de protección que serán coordinadas a través dun rexistro policial único que distribuirá logo os casos entre os corpos de policía Local e Nacional. A Xunta Local de Seguridade aprobou xa o protocolo policial para garantir o cumprimento efectivo das medidas xudiciais en materia de violencia de xénero e doméstica.

    A Xunta Local de Seguridade acordou crear unha mesa policial coordinada polos xefes de ambos corpos. Nos vindeiros días manterán unha xuntanza máis ampla cos servizos sociais e coa concellería da muller co ánimo de optimizar mellor os recursos tanto do concello como do Estado. Este protocolo porase en coñecemento dos xulgados.

    Redacción Salnés