![]()
BOIRO > A problemática do furtivismo na ría de Arousa continúa traendo de cabeza á totalidade das Confrarías que traballan na zona, así como tamén á propia Administración Autonómica. Un dos últimos incidentes producíase no areal de Mañóns en Boiro onde o patrón maior, Carmelo Vidal, tivo os seus máis e os seus menos cunha turista. A chegada das altas temperaturas e a presenza de bañistas nos areais non fai máis que acrecenta-lo problema.
O patrón maior da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, di non saber o que facer para rematar dunha vez por todas cos furtivos nas súas concesións. A apertura da campaña de verán a pasada semana facía presaxiar bos resultados, con abundantes capturas de marisco dun tamaño máis que aceptable, o que traería importantes ingresos para os preto de 180 mariscadores a pé deste pósito que traballan nos areais boireses. As boas expectativas virían a dar unha cumprida resposta a meses de traballo coidando o marisco e limpando as praias, pero non todo está a resultar tan ben.
A suba das temperaturas e a chegada dos primeiros bañistas ós areais está a a traer consigo un grave problema para as confrarías como son os furtivos, que veñen a esquilmar tódolos bancos marisqueiros. Un dos últimos incidentes vividos en Boiro produciase hai uns días cando unha turista que estaba bañándose en Mañóns e que acababa de recoller varios quilos de marisco negouse a devolve-los ó mar ante a solicitude dunha vixilante do pósito.
Carmelo Vidal insitiu tamén no grave problema existente, xa que son incapaces de controlar destes desaprensivos tódolos areais do pósito.
Redacció Barbanza










