Caride anuncia a aprobación do trazado definitivo da autovía do Barbanza

    BARBANZA > A Conselleira de Política Territorial e o Director Xeral de Tráfico desprazáronse este mércores ata a vía autonómica do Barbanza para comprobar in situ o estado no que se atopa este vial, que no vindeiro mes de setembro iniciará o seu desdobramento en autovía. Alí, na saída de Taragoña, foron recibidos polos catro alcaldes barbanzáns que lles expuxeron os principais factores de perigosidade que fan desta estrada un dos puntos negros da rede viaria española.

    María Xosé Caride anunciou durante a súa visita á comarca a aprobación do trazado da autovía do Barbanza que terá lugar a vindeira semana e permitirá definir o plan de traballo para acometer o desdobramento da actual vía rápida que se iniciará no mes de setembro. Estas obras permitirán a creación dunha nova vía de comunicación co fin de reducir a alta perigosidade da actual estrada que a acumula a tráxica cifra de 52 mortos dende a súa inauguración hai dez anos. Precisamente sobre esa perigosidade debateron esta mañá a conselleira e o director de Tráfico cos alcaldes de Ribeira, Rianxo, Boiro e A Pobra que lles informaron das principais eivas que presenta a estrada, como son as deficencias no trazado con frecuentes curvas e cambios de rasante ou o exceso de velocidade.conselleira_200_0706060.jpg

    Á espera de poder contar coa autovía, que presenta un prazo de execución de 27 meses, Política Territorial xa levou a cabo varias medidas de seguridade para reducir o número de accidentes, tales como a supresión de carrís, o reforzo da sinalización ou o asfaltado rugoso nalgúns tramos.

    A Conselleira estivo acompañada nesta visita polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro, que observou sobre o terreo as deficiencias que o Ministerio de Interior vén detectando dende hai tempo nesta estrada. Navarro ratificou o alto perigo de sinistralidade desta estrada, e sinalou que a súa solución converteuse nun reto para tódalas administracións.

    O director xeral de Tráfico incidiu en que a única solución para acabar co alto índice de mortandade é o desdobramento en autovía. Mentres tanto, insta ós barbanzáns a facer gala da máxima prudencia ó volante posto que o exceso de velocidade é a principal causa de sinistralidade.

    Se ben Navarro constatou os riscos que presenta a vía rápida do Barbanza, lembrou que esta estrada se atopa no punto de mira e todo o que acontece ten unha gran repercusión adquirindo se cabe un cariz máis dramático.

    Redacción Barbanza