A presidenta de Portos de Galicia visita as obras de reforma da fachada marítima noiesa

NOIA> A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitaba esta mañá o concello de Noia. Alí interesouse polas obras de reforma da fachada marítima que se están a executar actualmente e nas que o ente autonómico está a investir máis de 200 mil euros.

Acompañada do alcalde, Santiago Freire, e varios membros do equipo de goberno, a presidenta de Portos comprobou a marcha das obras que se están a executar actualmente na zona comprendida entre o Peirao do Marqués e a Costa do Ferrador. A actuación, sufragada polo ente autonómico, ascende a máis de 200 mil euros, e posibilitará a construción dunha pasarela peonil separada da estrada, o que permitirá un tránsito máis seguro para os peóns.

Dende o Concello agradeceron o investimento realizado por Portos, que vén dar resposta a unha demanda de hai tempo. Segundo o alcalde, a obra contribuirá, ademais da mellora estética da zona, a poder darlle continuidade ó percorrido circular paralelo a toda a franxa marítima, xa que terá posteriormente continuidade con outra actuación, esta vez executada pola Demarcación de Costas, e que se prolongará ata a ponte do Campo das Rodas.

Posteriormente trasladáronse ata o paseo marítimo de Labarta, onde o Concello traballa con Portos de Galicia na habilitación dun novo aparcamento público, que permitirá poder crear máis de 120 novas prazas de estacionamento na zona, incluído o aparcamento de autocaravanas. A visita de Susana Lenguas a Noia remataba na lonxa de Testal, onde a titular de Portos puido coñecer de primeira man as principais necesidades das instalacións portuarias existentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí