O concello repoboará o monte de San Alberto con especies autóctonas

    RIBEIRA > O concello de Ribeira acometerá a repoboación forestal e a rexeneración ambiental do monte de San Alberto, co fin de acadar o primeiro bosque autóctono no municipio.

    O proxecto afectará a unhas 30 hectáreas no monte de San Alberto, onde ademais de prantar especies autóctonas, como carballos, castiñeiros, cerdeiras, piñeiros ou bidueiros, procederase á rexeneración ambiental da zona.

    O obxectivo é recuperar o ecosistema, constituíndo un bosque non só produtivo senón tamén con usos sociais e de recreo e na súa vertente ecolóxica. Neste sentido, do bosque depende a regulación dos recursos hídricos, a atenuación do clima local e a reducción da emisión de gases á atmosfera así como a protección contra a erosión e o equilibrio biolóxico.

    Ademais da súa función ecolóxica, o concello ten previsto darlle un uso recreativo ó monte de San Alberto, converténdoo nun espazo de lecer para tódolos veciños. Os técnicos municipais están a elaborar un estudo para dotalo dos elementos precisos para unha área recreativa ó mesmo tempo que se respecten a fauna e a flora propias do hábitat natural.

    Máis proxectos ambientais

    Este non é o único proxecto de recuperación ambiental que elevará a cabo o executivo ribeirés que xa ten deseñado un proxecto de ampliación e mellora do parque periurbano de San Roque. As actuacións contempladas neste plan consisten na reposición dos camiños, instalación de rega e acometida eléctrica, restauración da vexetación danada e prantación de novas especies. Tamén se procederá á reparación ou substitucion do mobiliario en mal estado e acondicionarase o recinto para acoller novas actividades.

    Na parroquia de Aguiño tamén se acomterá outro proxecto ambiental consistente na restauración ecolóxica dos sistemas dunares e do contorno do Monte Couso nas proximidades da praia de Area Basta. O proxecto contempla o establecemento de regulacións para o cese das actividades que actualmente cauan a degradación e a adopción de medidas de axuda para lograr a recuperación do sistema dunar. Realizarase unha reocnstrución do perfil dunar e estableceranse sistemas de protección e de rexeneración xeomórfica para evitar a súa degradación.

    Redacción Barbanza