Os veciños de Rinlo interésanse polo proxecto de mellora ante o inico das obras

    RIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, mantivo unha xuntanza cos veciños residentes na Avenida de Rinlo para informarlles do inminente inicio das obras de remodelación desta rúa sufragadas pola Deputación da Coruña cun investimento superior ós 200 mil euros. Á xuntanza tamén acudiu un representante da empresa Cobra que será a encargada de levar a cabo esta actuación.

    Uns 20 veciños da Avenida Rinlo de Rianxo asistiron á xuntanza promovida dende o concello rianxeiro para aborda-lo proxecto de mellora desta rúa que dá entrada ó casco urbano. Os residentes desta zona coñeceron de primeira man as características da actuación que prevé a construción dun único carril de entrada á vila, coa realización dunha nova pavimentación da calzada, a construción de novas beirarrúas e aparcamentos a ambos lados da rúa, así como a mellora da rede de pluviais, sumidoiros, rede de saneamento e abastecemento de auga. A intención do rexedor local, Pedro Piñeiro, é comezar os traballos no cruce entre as rúas Arcos Moldes e Castelao, na esquina do colexio Castelao, o máis axiña posible.

    A actuación será realizada por tramos, para crearlle as mínimas molestias ós veciños.

    Ademais da mellora da seguridade vial e da modernización estética, estas obras suporán un incremento da calidade de vida e da comodidade dos veciños desta zona. Así mesmo, dotarase á zona de beirarrúas máis amplas así como diverso mobiliario urbano e novo alumeado.

    Unha vez rematada esta actuación, o executivo ten previsto solicitar á Deputación a realización de novas melloras dende o Pazo ata o cruce de Rianxiño coa intención de que o proxecto poida ser elaborado ó longo deste mesmo ano. Outro dos proxectos que ten en mente para este ano é a elección do trazado idóneo e a redacción do proxecto da vía de circunvalación.

    Redacción Barbanza