Os concelleiros socialistas rexeitan as correccións ó PXOM impostas pola Xunta

    POBRA > Os concelleiros socialistas da Pobra, Antonio Moure e Carlos Peleteiro, compareceron ante os medios de comunicación para expresar o seu desacordo coas correccións do PXOM propostas pola Xunta de Galicia. Os edís verteron duras críticas sobre o secretario comarcal do PSOE, Blas García, ó que acusan de facer ‘partidismo’ en lugar de defender os intereses de tódolos cidadáns do Barbanza.

    Moure e Peleteiro amosaron a súa rotunda oposición ó informe remitido pola dirección Xeral de Urbanismo ó concello no que insta á corrección das deficiencias observadas no PXOM. Segundo os concelleiros socialistas, estas medidas ‘estrangulan’ á Pobra do Caramiñal impedindo o seu crecemento posto que supoñen unha aplicación extrema da Lei do Solo de Galicia.

    Segundo os socialistas, o principal obxectivo é defender os intereses dos veciños que resultan moi prexudicados polas limitacións impostas pola Xunta, con especial incidencia nalgunhas zonas como Ribeiriña e Conchido, nas que se impide a reducción do límite de costa protexido paralizando o crecemento destes núcleos.

    Os socialistas descalificaron as declaracións feitas polo secretario comarcal do PSOE, Blas García, por considerar que está fóra de contexto e son froito dun claro afán partidista. Así mesmo, insinúan que a oposición do responsable comarcal á ampliación do polígono da Tomada pode estar xustificada por intereses particulares, posto que ante o impedimento de asentarse na Pobra pola escaseza de chan industrial, as empresas terían que desenvolverse noutros concellos limítrofes como Boiro.psoe_200_080606.jpg

    Os concelleiros agardan que se poida chegar a un acordo razoable coa Xunta de Galicia para proceder a aprobación do PXOM de maneira consensuada e de xeito que se contemplen os dereitos de tódolos veciños.

    O BNG da Pobra do Caramiñal fixo tamén unha valoración do informe da Xunta sobre o PXOM. Segundo eles o alcalde está a mentir descaradamente cando se refire ás limitacións impostas pola Administración Autonómica, sendo o único responsable desta situación o propio executivo, así como os actuais concelleiros do PSOE, socios do goberno na elaboración do actual planeamento, por non axustarse á actual Lei do Solo.

    Rosana Pérez considera pois que o único que lle interesa ó alcalde é atacar ó BNG, xa que foi o único grupo político que se molestou claramente en informar e manter reunións cos propios veciños para tratar este tema.

    Segundo Rosana Pérez a crítica dende un primeiro momento ó Plan Xeral de Ordenación Municipal por parte do BNG centrouse en tres apartados fundamentalmente que continúan defendendo na actualidade: a ampliación do actual polígono da Tomada, no trazado previsto para a estrada de circunvalación e a que se trata dun planeamento feito para beneficiar a uns poucos.

    No que se refiere á afectación de Costas o BNG fixo referencia a cuestións como a da Ribeiriña, e o Conchido, así como o núcleo da Lombiña, tres situacións para os nacionalistas ben diferentes.

    O BNG ten previsto manter reunións polas distintas parroquias cos veciños para informarlles desta situación. Por outra banda os nacionalistas tamén realizaron un chamamento ó alcalde sinalando que se deixe de ameazar con non aprobar o actual PXOM e rexirse polas normas subsidiarias do ano 1984, e que trate de defende-los intereses xerais deste concello, adoptando unha postura dialogante coa Xunta para tartar de buscar un acordo satisfactorio para todos.

    Redacción Barbanza