A POBRA> O concello da Pobra convocará un concurso público durante o mes de xuño para deseñar a futura fachada marítima do municipio. Será en colaboración coa Fundación RIA e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
A colaboración entre o concello da Pobra, a Fundación RIA e o Colexio de Arquitectos de Galicia busca redefinir o futuro do bordo litoral do municipio a través dun concurso de ideas. Convocarase o próximo mes de xuño co obxectivo de elaborar un plan director para planificar o deseño e usos da fachada marítima.
Abrir a Pobra ó mar con maior protagonismo dos peóns e do espazo público son algunhas das premisas das que parte este concurso para o que o COAG prestará asesoramento técnico. Pola súa banda, a fundación RIA estableceu os criterios para o deseño trala coordinación cos diferentes axentes implicados que se reuniron periodicamente para afondar no proxecto.











