O PSOE de Rianxo pide ó executivo a presentación da conta xeral

RIANXO> O PSOE de Rianxo insta ó goberno a presentar a conta xeral. Demandan maior transparencia na xestión económica do concello co fin de poder planificar os futuros orzamentos con rigor e atendendo ás necesidades reais dos rianxeiros.

A piques de rematar o ano, os socialistas rianxeiros fan balance da xestión económica do concello que acumula aínda unha importante débeda. A pesar de todo, destacan os máis de dous millóns de euros mobilizados con cargo ó Plan Provincial de Obras e Servizos e ó remanente de tesourería que permitiron avanzar no saneamento das arcas municipais.

Por esta razón, instan ó executivo a presentar a conta xeral para coñecer o estado das arcas municipais, cumprindo así co principio de transparencia na xestión dos fondos públicos.

A aprobación da conta xeral, ademais dun requisito normativo, permitiría planificar os próximos orzamentos con maior rigor garantindo unha xestión económica que dea resposta ás necesidades reais dos rianxeiros.