RIBEIRA> O pleno de Ribeira aprobou a pasada tarde a prórroga forzosa do contrato do SAF por un período de nove meses. O obxectivo é garantir a cobertura total do servizo ata que se resolva o procedemento para a nova licitación do servizo no que está inmerso o concello.
A aprobación da prórroga forzosa do contrato do SAF á actual empresa adxudicataria permitirá seguir a prestar o servizo con normalidade mentres non se resolve o procedemento para a licitación do novo contrato, xa en marcha.
A prórroga entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026 por un prazo máximo de nove meses, polo que se trata dunha medida temporal ata que se resolva o novo contrato ó que xa se presentaron catro ofertas.
O acordo saíu adiante con 19 votos a favor, tanto dos grupos que conforman o goberno como da edil independente Tania Redondo e o BNG. A pesar do seu apoio para garantir este servizo esencial, os nacionalistas responsabilizan á Xunta da difícil situación que afrontan os concellos para o seu mantemento; unha afirmación que foi rebatida pola concelleira de Igualdade.
Pola súa banda, o outro concelleiro non adscrito, Juan Luís Furones, optou pola abstención ó igual que o voceiro do PSOE que sempre defendeu a municipalización do servizo.











