VILAGARCÍA > O PP de Vilagarcía valorou a visita da conselleira de Política Territorial a Vilagarcía o pasado luns. Para os populares, a conselleira non veu cos deberes feitos, como afirmara o alcalde e só trouxo proxectos que xa deixara rematados o goberno do PP. Por iso cuestionan o papel do propio rexedor ó que cren máis interesado no seu futuro persoal que no de Vilagarcía.
Segundo Tomás Fole, as contradiccións entre o alcalde e a conselleira de Política Territorial en diversas cuestións deixan constancia do escaso interese de ambos por esta visita e polos vilagarciáns. O voceiro popular asegura que a conselleira tivo que recoñece-los proxectos do PP porque os había e porque son os que ela mesma trouxo nesta visita e en tódalas que fixo á comarca ata agora.
E recordou que durante a colocación da primeira pedra da autovía do Salnés, estiveron presentes as empresas ás que no seu día o PP lles adxudicara este proxecto. Pola súa banda, a deputada popular Marta Rodríguez extrapolou a situación de Vilagarcía a toda a comarca. Asegurou que o bipartido ten totalmente esquecido ó Salnés e así se pode comprobar en asuntos tan importantes como as infraestructuras, a vivenda ou a sanidade.
Por outra banda a executiva local dos populares vilagarciáns reuniuse para comezar a prepara-lo traballo de cara as vindeiras municipais. En principio ratificouse o cargo do vicepresidente que recaera tralo último congreso en Marta Rodríguez e tamén os dos vicesecretarios e secretarios. Precisamente éstes presentaron na xuntanza unha proposta de traballo para os vindeiros meses que será desenvolvida por cada unha das áreas: a de organización e participación cidadá, a de política local, a de comunicación e a de formación. A vindeira semana volverán reunirse para deixar aclarado o método de traballo e a partir de entón a executiva manterá reunións quincenais onde poñer ó día o traballo de cada área de cara ás municipais.
Redacción Salnés