Medio Rural compromete o seu apoio coa agricultura do Salnés

    O SALNÉS > O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, realizou unha visita a Horsal para coñecer as demandas dos seus socios e o desenvolvemento da campaña de verán desta cooperativa. Ó longo da mañá do venres o conselleiro entrevistouse tamén cos responsables da Sociedade para a comercialización de productos hortofrutícolas, Lekifruit, onde se comprometeu a apoiala mediante o fomento da investigación, promoción e defensa dos seus productos.

    visitasuarezcanal3_200_090606.jpgEn Horsal coñeceu as súas instalacións e comprometeuse cos socios a seguir traballando para dignificar a profesión do horticultor. Neste mesmo eido, anunciou a creación dun Banco de Terras, co obxectivo de facilitar a ampliación da base territorial das explotacións que precisen e de cultivar a superficie agraria útil actualmente abandonada.

    Ademais explicoulles ós productores o interese da administración de axilizar as concentracións parcelarias para a obtención de máis zonas destinadas á horta. O longo da mañá o conselleiro reuniuse cos responsables da nova sociedade Lekifruit. Unha iniciativa de catro empresas (Kiwi Atlántico, Frutas Serafín, Horsal e Hortalisa) que actualmente organizan un proceso de comercialización conxunta para atender as esixencias da demanda das empresas maioristas e da distribución. Suárez Canal transmitiulle o seu apoio e comprometeuse a manter unha colaboración permanente coa asociación.

    visitasuarezcanal2_200_090606.jpgAdemais visitou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Leiro en Ribadumia para coñecer as instalacións e as plantacións coas que o centro realiza diferentes estudios utilizando variedades autóctonas. Aquí, Suárez Canal, comprometeuse a ampliar os servizos de formación e investigación en prol da mellora da calidade nos productos vitivinícolas. Na visita o Conselleiro puido comprobar o servizo de formación que a estación presta cada ano. Están programados 21 cursos relacionados coa area vitivinícola e enolóxica e coa incorporación á empresa agraria da producción integral e da seguridade alimentaria. Ademais destas xornadas tamén se impartirán 11 cursos de aplicador – manipulador de productos fitosanitarios ós que está prevista a asistencia de 575 persoas.

    Redacción Salnés