As primeiras vieiras do Nadal chegan a Cambados

    CAMBADOS> Porto de Cambados xa ten en entrada as primeiras vieiras deste Nadal. O luns arrancaba a campaña con dificultades para acadar as tres toneladas de bivalvo fixadas por xornada e con 24 embarcacións no mar. Tardaron algo máis do habitual en realizar as capturas, pero a calidade dos exemplares paga a pena. Arredor das doce e media da mañá do luns comezaban a entrar no porto de Tragove as primeiras embarcacións que inauguraron a campaña da vieira. En total vinte e catro, na súa meirande parte pesqueiros con base en Cambados aínda que tamén se sumaron cinco doutros portos arousáns, sobre todo Rianxo. O límite de capturas por xornadas quedou fixado en tres toneladas, unha contía que, a diferenza doutras ocasións, estase a repartir cada día entre o número de mariñeiros e embarcacións que saen a mar. No primeiro día fixáronse en 45 quilos por tripulante, aínda que houbo barcos que non lograron acadar os topes. Ó ser o primeiro día, as embarcacións tardaron algo máis do habitual en volver a porto. Polo de agora non lanzan as campás ó voo. A vieira é de moi boa calidade pero aínda hai que agardar uns días para poder valorar o que dará de si o recurso. Trala depuración e evisceración da que se encarga a planta de mariscos Veiro, en dous días as vieiras están no mercado. Nestas semanas destinarase o groso a conxelar. Xa cando se acheguen as festas de Nadal canalizarase a meirande parte en fresco. A marcha da campaña dependerá tamén de como respondan outras artes, o que variará o número de embarcacións que se dediquen á vieira e con el o reparto das cotas. Os prezos, como os últimos anos, catro euros por quilo de vieira descargada. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/01/INICIOCAMPANAVIEIRA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/01/INICIO_CAMPANA_VIEIRA.mp4{/flowplayer}