RIBEIRA > O plan parcial para a ampliación do polígono industrial de Xarás, aprobado inicialmente polo goberno local, non convence ós veciños nin ós propietarios afectados que teñen prevista a presentación de alegacións. Das queixas veciñais fíxose eco o grupo municipal do BNG, cuxos representantes reuníronse cos afectados para a busca de solucións.
A crispación fíxose evidente ó longo de toda a xuntanza na que os propietarios das fincas afectadas por este plan expuxeron a súa preocupación polo futuro dos seus terreos. Os veciños temen que o goberno local chegue á expropiación das súas fincas tendo que desfacerse delas por un prezo inferior ó valor real.
Así mesmo, entenden que a ubicación dun polígono tan preto das vivendas traerá consigo unha serie de molestias derivadas da actividade industrail como son os malos cheiros, a presenza de vertidos ou o incremento do tráfico pesado na zona.
Co obxectivo de definir posibles medidas de actuación, os veciños mantiveron unha xuntanza na tarde de onte á que tamén asistiron representantes municipais do BNG que concluíu coa decisión de presentar alegaciósn ó proxecto.
Os nacionalistas non entenden o empeño do goberno de acometer unha ampliación de cen mil metros en Xarás cando xa está en marcha un polígono comarcal entre A Pobra e Ribeira que dará resposta ás necesidades de chan industrial do tecido empresarial da zona.
Por este motivo, o BNG ten prevista tamén a presentación de alegacións baseadas na reducción da calidade de vida dos afectados e o impacto ambiental desta instalacións próximas ó parque natural.
Redacción Barbanza