![]()
RIBEIRA > Co fin de conseguir que a ordenanza municipal que regulará a colocación de antenas en Ribeira sexa o máis efectiva posible o executivo consensuará previamente á entrada en vigor do dito regulamento coas propias empresas de telefonía móbil cales son aquelas zonas máis idóneas no municipio para instalar este tipo de emisores. Esta decisión foi tomada na última xuntanza da comisión creada para a elaboración desta nova normativa.
A comisión encargada de elabora-la ordenanza municipal que regule a colocación de todo tipo de antenas, así como outras infraestruturas de telecomunicacións en Ribeira, acordou pedirlle ás operadoras un plan de implantación para, a partir de aí, poder desenvolver un mapa con posibles ubicacións.
A comisión está integrada por representantes de tódolos grupos políticos de Ribeira, así como polo técnico de medio ambiente e a da administración xeral. Na última reunión, tamén participou un enxeñeiro de telecomunicacións.
A constitución deste grupo de traballo supón a implicación das distintas formacións na elaboración dunha normativa conxunta que dote dun marco axeitado este tipo de actuacións.
Desde o concello ribeirés preténdese establecer tódolos mecanismos necesarios para velar porque a implantación de novos avances tecnolóxicos non supoñan un risco para a saúde.
Na última xuntanza de traballo a comisión analizou un primeiro borrador da ordenanza, que tivo en conta as propostas coas que está traballando actualmente a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, ou o cógido de boas prácticas para a instalación de infraestruturas de telefonía móbil, realizado pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España.
Tamén se aportou un informe do Ministerio de Sanidade e Consumo sobre a aplicación do Real Decreto 1066/2001 do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento que establece as condicións do espazo radioeléctrico.
Redacción Barbanza









