O cruceiro da Ribeiriña será restaurado tralo seu derrube a causa dun temporal

    POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal ten prevista a restauración do cruceiro da Ribeiriña que resultou derrubado por un temporal hai anos. A actuación, que se iniciará unha vez obtida a autorización de Patrimonio, suporá unha inversión próxima ós seis mil euros. O prazo de execución estaría fixado en dous meses.

    cruceiro_300_120606.jpgO cruceiro da Ribeiriña ou do Conchido, como tamén se lle coñece, xa fora restaurado no ano 2000 pero os fenómenos meteorolóxicos causaronlle importantes danos chegando a derrubalo, o que fai precisa unha nova actuación.

    Co obxectivo de recuperalo integramente, a concellería de Cultura da Pobra xa ten elaborado un proxecto qu actualmente está pendente da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. O estudo, realizado pola Galería Artefacto de Ribeira, propón a suxección e limpeza da base, a reintegración das pezas desprendidas do capitel e a unión do crucifixo e as imaxes.

    A restauración da pedra será levada a cabo polo canteiro Juan Cabeza baixo a dirección técnica da restauradora Isabel Sastre.

    Ademais da restauración do cruceiro, a intención do concello é proceder ó acondicionamento do entorno no que se asenta posto que actualmente se atopa descoidado e cheo de maleza. O edil de Cultura entende que é preciso dotar ás obras de arte dun bo marco para a súa exhibición polo que se procederá á limpeza e adecentamento dos arredores.

    Con esta restauración, xa son dezaseis os cruceiros que se teñen restaurado na zona nos últimos anos seguindo a liña marcada polo goberno local de conserva-lo rico patrimonio histórico do municipio.

    Redacción Barbanza