Arousa Norte promove a especialización dos corpos de policía local

    BARBANZA > A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte colaborará co Centro de Estudos Xudiciais de Galicia no desenvolvemento de actividades formativas para as policiáis locais do Barbanza. Ámbalas dúas entidades consideran primordial a especialización e a profesionalización dos corpos de seguridade para mellora-la eficacia nos servizos de atención á cidadanía.

    poliarousanorte_300_110906.jpgO Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, CEXESGA, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, constiúe o referente galego na formación dos axentes da seguridade pública. Co obxectivo de realizar actividades docentes en colaboración cos concellos, vén de establecer un acordo coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, para que as policías locais de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo incrementen a súa formación.

    En total, está prevista a realización de sete cursos que comezarán a desenvolverse a partir do 25 de setembro e proseguirán ata o próximo ano. A primeira das actividades, cémtrase nas medidas de autoprotección e seguridade, está aberta a tódolos públicos e será sufragada pola Mancomunidade. A financiación dos cursos restantes, dirixidos especificamente ós corpos policiais, correrá a cargo da Deputación da Coruña e o CEXESGA. Os contidos inclúen técnicas de operadores de rádar, manexo do programa informático autocad, técnicas de defensa persoal, nocións sobre o permiso de conducción por puntos e técnicas de coducción de motocicletas policiais.

    Dende a Mancomunidade Arousa Norte considérase fundamental a unificación de criterios entre concellos no ámbito da seguridade, tal e como se viu facendo ata o momento en eidos como o turismo ou o emprego.

    O presidente da Mancomunidade, Isaac Maceiras, considera fundamental a realización destas iniciativas docentes de cara a conquerir corpos de policía máis operativos, eficaces e próximos ós cidadáns.

    Ademais destas actividades formativas a nivel local e comarcal, o CEXESGA está a traballar noutros proxectos de ámbito autonómico como a renovación da antiga lei da policía, a creación dun corpo de policía de Galicia e a constitución da Academia Galega de Seguridade.

    Redacción Barbanza