![]()
POBRA > Co fin de aclarar toda a polémica existente ó redor do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Pobra do Caramiñal, o alcalde, Isaac Maceiras, xunto co concelleiro de Obras e os técnicos municipais que traballaron na elaboración do novo planeamento compareceron en rolda de prensa. Así, explicaron as deficiencias observadas e os requerimentos efectuados pola Consellería de Política Territorial para a súa corrección no actual PXOM.
Tanto Manuel Sabín coma Marcos Rey, os arquitectos técnicos municipais da Pobra do Caramiñal, sinalaron que o actual PXOM é froito dun traballo de máis de seis anos, un tempo durante o cal se atravesou por dous momentos difíciles, cos cambios producidos na Lei do Solo o que provocou algunha que outra modificación.
Segundo eles dende un primeiro momento foise elaborando un planemaneto moi consensuado, e sempre atendendo ás directrices formuladas dende a Xunta. Por esta razón non agardaban tantas deficiencias.
O alcalde pobrés, Isaac Maceiras, fixo referencia a que o concello pretende manter en breve unha xuntanza con representantes da Consellería de Política Territorial, á que tamén asistirán os técnicos redactores do PXOM co fin de buscarlle unha solución satisfactoria ás deficiencias detectadas, sempre e cando vaian en beneficio dos veciños. Ademais acusou á voceira do BNG, Rosana Pérez, de mentir e tratar de manipular á opinión pública cos seus comentarios sobre o novo planeamento.
Maceiras Rivas tamén criticou o feito de que a voceira nacionalista o acusara de realizar un PXOM para beneficio dalgúns promotores.
Redacción Barbanza









