O concello da Pobra instalará gradas no campo de Cadreche

    POBRA> O concello pobrense acollerase a varias axudas do Fondo de Compensación Ambiental e de convocatoria da Xunta para a mellora de infraestruturas municipais. Unha delas irá encamiñada á construción de gradas no campo de fútbol da alta mentres que a outra solicitude ten por obxectivo a mellora do alumeado público na zona de San Lázaro. A necesidade de gradas no campo de fútbol de Cadreche non supón unha novidade senón que os seus usuarios levan reclamando esta instalación dende a súa inauguración. O concello propón a construción dun graderío cuberto con capacidade para un cento de persoas que se acometería con cargo á convocatoria da Xunta para a mellora de infraestruturas municipais. Con respecto ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental que corresponden á Pobra, o executivo solicitará dúas axudas. A primeira iría destinada á adquisición dun vehículo para a xestión ambiental para a brigada de mantemento mentres que a segunda ten por obxecto a mellora da eficiencia enerxética na rúa san Lázaro e adxacentes. Esta última subvención, non competitiva, concédese directamente se o proxecto non presenta defecto. Pola contra, a solicitude do vehículo enmárcase nas subvencións competitivas polo que deberá concursar con outros concellos que tamén presentarán os seus proxectos.