Noia porá en valor os xardíns Felipe de Castro cunha mellora da accesibilidade

NOIA> O concello de Noia vén de sacar a licitación o acondicionamento dos xardíns Felipe de Castro. A actuación suporá un investimento de máis de 90 mil euros, financiados con fondos europeos Next Generation, para a posta a punto  dunha das principais zonas verdes do casco urbano.

Ademais do seu valor paisaxístico, os xardíns Felipe de Castro de Noia constitúen un dos elementos patrimoniais máis importantes de Noia. Situados sobre os antigos terreos do convento de San Francisco e configurados como espazo públixo dende mediados do século XIX precisan dunha intervención para mellorar o pavimento e a accesibilidade así como a substitución do mobiliario.

Non é esta a única obra con cargo ós fondos Next Generation que vén de licitar o concello que aposta tamén polo acondicionamento dos accesos á senda litoral do Obre, pendentes de rematar. Nesta zona, actuarán tamén no albergue da Chaínza para dotalo dos servizos que permitan a súa apertura.

Estas actuacións, enmarcadas no plan de turismo sostible, suporán un investimento total próximo ós 200 mil euros destinados a seguir mellorando o patrimonio ambiental e histórico da vila.