O GROVE > O Partido Galeguista do Grove presentou ao seu candidato á alcaldía meca. O piragüista Alfredo Bea, membro da xestora do partido, asumiu a candidatura logo dunha votación realizada entre os militantes nunha xuntanza realizada esta mesma semana. Fredi Bea asegurou que está a traballar xa tanto no programa que presentará durante a campaña electoral coma na confección da lista.
Alfredo Bea é candidato do Partido Galeguista á alcaldía do Grove. Francisco Pérez, Katelo, foi o encargado de presentar públicamente a Fredi Bea como cabeza de lista, e asegurou que a súa elección por parte da asamblea foi doada ao aunar valores coma a honestidade, a lealtade, a sinceridade e o traballo.
Valores que deberían trasladarse á xestión do concello. Segundo asegurou Fredi Bea, o Partido Galeguista é unha opción moderada no económico pero moi progresista no eido social, e proporá un programa realista pero ilusionante. Entre as súas primeiras ideas está a de diversificar a economía da vila meca, incentivando o mar e as pequenas empresas, e non só o turismo. Pretende ser unha alternativa válida no panorama político da vila.
Actualmente o Partido Galeguista do Grove está traballando arreo na elaboración do seu programa e na confección da lista, que segundo afirmou vai ser moi renovadora, contando coa base militante do Partido Independente maila incorporación de xente xoven que traballa pola sociedade dende diferentes ámbitos.
Segundo asegurou Katelo, o Partido galeguista presentará candidaturas nestes comicios en 1 de cada 4 concellos galegos. É o caso, no Salnés, de Cambados, Sanxenxo e o Grove, e podería se-lo caso tamén de Vilagarcía onde aínda está por confirmar poste que se están a realizar as xestións oportunas.
Redacción Salnés