O executivo ribeirés investirá 60 mil euros en melloras no lugar de Sabartán

    RIBEIRA > A Xunta Local de Ribeira vén de aprobar un orzamento de preto dos 60 mil euros para a mellora dun camiño e a reposición de peches e salvacunetas no lugar de Sabartán na parroquia de Carreira. Con este tipo de obras o executivo local que preside Xosé Luís Torres Colomer pretende satisface-las demandas  dos veciños das distintas parroquias do municipio para que teñan un nivel semellante de servizos.

    As melloras que se levarán a cabo en breve no lugar de Sabartán na parroquia ribeiresa de Carreira terán un prazo de execución de dous meses e incluirán a realización da mellora dun camiño, a reposición de varios peches con pedra de perpiaño e a construción de salvacunetas con tubaxes de formigón de corenta centímetros.sabartn_200_140606.jpg

    Esta actuación, que se enmarca dentro do programa de mellora dos núcleos rurais das distintas parroquias de Ribeira, satisface-las necesidades dos veciños desta parroquia.

    Aínda que o goberno local está a levar a cabo un importante esforzo económico para a renovación do casco urbano de Ribeira, con investimentos importantes na mellora das principais arterias da cidade, non desbota a realización de obras importantes na zona rural.

    Nos próximos meses vai proceder tamén a pavimentación de varios camiños, un total de sete, en distintas parroquias do municipio. En Aguiño procederase á pavimentación do camiño da Graña a Couso. En Oleiros mellorarase o camiño de Carballo a Sobrido. En Olveira pavimentaranse o camiño que une Campelos e Olveira de Arriba. En Palmeira a actuación prevista será o acondicionamento dos camiños de Chacín a Carolo e de Carolo a Muíño Vello e na zona de Deán levaranse a cabo actuación nos viais de Agro da Area e Cabasás.

    Redacción Barbanza