Unhas 40 embarcacións daranse cita este sábado na 22ª Regata Frinsa

RIBEIRA> A Regata Frinsa acada este ano a súa vixésimo segunda edición. Disputarase este sábado con saída dende o porto deportivo de Ribeira. Ó remate servirase un xantar mariñeiro para tódolos participantes no club náutico ribeirense.

Unhas corenta embarcacións participarán na 22 regata Frinsa que se celebrará este sábado na ría de Arousa. Os participantes tomarán a saída dende o porto deportivo de Ribeira a mediodía e unha hora máis tarde sairán dous catamaráns con convidados que terán ocasión de seguir a regata de preto observando as manobras dos participantes mentres degustan unhas conservas selectas servidas por Frinsa.

O día da regata antes da saída haberá unha reunión técnica cos patróns para decidir o percorrido en función das condicións do mar. Tódalas alternativas teñen elementos comúns pero difiren na distancia.

Haberá tres categorías: cruceiro, cruceiro-regata e regata. Entregaranse trofeos ós tres primeiros clasificados en cada unha delas e a xornada rematará cun xantar mariñeiro nas instalacións do club Náutico.

As inscricións estarán abertas ata este xoves día 15. Polo momento xa hai 25 inscritos pero agárdase a participación dunhas corenta embarcacións.