Portos buscará o consenso dos sectores para a ampliación do Náutico de Rianxo

    nautico1_100_140606.jpgRIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, confía en que o ente Portos de Galicia leve a cabo unha importante inversión no municipio. Hai uns días mantivo unha xuntanza co presidente deste organismo dependente da Consellería de Política Territorial ó que lle trasladou a necesidade de realizar varias actuacións como é o caso da reparación do espigón do peirao de Taragoña, diversas melloras no borde litoral do municipio así como a tan ansiada ampliación do Club Náutico.

    Segundo o rexedor rianxeiro, o presidente de Portos Vicente Irisarri foi bastante receptivo coas súas propostas que xa eran actuacións demandadas dende hai tempo.

    Precisamente nunha das últimas visitas de Irisarri a Rianxo, este puido comprobar de primeira man a situación actual das instalacións do Club Náutico da localidade e a necesidade de acometer canto antes a súa ampliación. Aínda así Portos de Galicia non quere inicia-la obra ata reunirse con tódolos sectores que operan no peirao rianxeiro como é o caso da propia Confraría de Pescadores e mariñeiros e mexilloeiros.nuitico_200_140606.jpg

    Pedro Piñeiro incidiu que a construción dunhas novas instalacións é algo prioritario, que redundaría no beneficio de todo o municipio, debido á alta demanda existente na actualidade en canto ó turismo náutico, sendo segundo el Rianxo, un espazo privilexiado dentro da ría de Arousa.

    O alcalde rianxeiro tamén se referiu a outros proxectos previstos como é o caso da mellora e ampliación do espigón do dique de Taragoña e o dragado do porto ou diversas actuacións no borde litoral do municipio, entre elas a ampliación da estrada existente no Paseo da Ribeira ou a construción do futuro Museo de Embarcacións Tradicionais.

    Redacción Barbanza