García abandona a reunión cos comuneiros por exceso de representación

    CATOIRA > Segue bloqueada a cesión de terreos na Lagoa de Pedras Miúdas en Catoira para poder solicitar un Obradoiro de Emprego. O mércores pola tarde os voceiros municipais reuníanse cunha representación da comunidade de montes propietaria dos terreos. O intento para desbloquear a cesión de Pedras Miúdas quedou niso, nun intento. O feito de que a directiva da comunidade de montes estivese representada por tres membros e non por un, foi o motivo polo que o alcalde decidiu abandonar a reunión.

    reunioncatoira1_200_150606.jpgO propio alcalde recoñeceu a Tele Salnés Barbanza que se foi da reunión por este motivo. Segundo explicou a esta reunión convidouse a un só membro da directiva da comunidade de montes e ata o momento da xuntanza este colectivo non manifestou a súa intención de acudir con máis membros e que trataron de impoñer a presencia dos tres.

    O alcalde considera que a directiva está capitaneada por un independente, Luis Rey, e por un do BNG, Ramiro Paz, e que están facendo a política de oposición no Concello manipulando ó BNG. Alberto García asegura que esta actitude pon en xogo un Obradoiro de Emprego de 800 mil euros, a recuperación de Pedras Miúdas e 45 postos de traballo.

    reunioncatoira2_200_150606.jpgSen embargo, desde a Comunidade de Montes insisten no seu interese en desbloquear este asunto e no seu apoio ó proxecto do Obradoiro. Iso si, queren que a cesión se documente legalmente. O alcalde insiste en que si se pode perder este proxecto, xa que o documento de cesión ha de presentarse antes do 15 de xullo, cando se reúne de novo a comisión de Traballo. García lembra que levan desde 2004 esperando por esta cesión e manifesta que estudiará co seu grupo convocar oficialmente a toda a directiva da comunidade para aclarar o asunto.

    Redacción Salnés