O centro de día de Rianxo máis preto

RIANXO> A Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo asinaban esta mañá o protocolo de colaboración entre ámbalas Administracións que permitirá a compra deste inmoble. Entre vítores e aplausos…Así foi recibido o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, á súa chegada a Rianxo. A ocasión ben o merecía, xa que se procedía á sinatura do protocolo de colaboración entre o organismo provincial e o Concello para a adquisición do pazo de Rianxiño, espazo no que se construirá o futuro centro de día da localidade. Coa firma deste acordo atendíase a unha demanda de numerosos veciños, na súa maior parte persoas maiores, que dende hai uns nove meses levan pechados na casa consistorial. O total da operación de compra do pazo de Rianxiño ascende a 1,6 millóns de euros. Grazas a este acordo a institución provincial destinará 600 mil euros para a adquisición e reforma deste inmoble, 300 mil xa este ano, para colaborar co Concello na compra, e outros 300 mil máis en 2019 para cofinanciar as obras de adaptación do recinto para que sexa recorvertido no desexado centro de día. Trátase dunha cantidade importante que o alcalde rianxeiro agarda poder completar coa axuda da Xunta, aínda que non será imprencible para poder levar adiante este proxecto. Segundo explicou o propio rexedor nunhas semanas procederase á sinatura nunha notaría da opción de compra con representantes da congregación relixiosa actual propietaria do espazo. Será entón cando se poña fin ó longo encerro que perdura xa por máis de nove meses.