RIANXO> O executivo rianxeiro sae ó paso das críticas do PP sobre a mala situación económica do Concello. Dende o equipo de goberno acusan ós populares de querer crear un estado de alarma entre a veciñanza dun xeito malicioso e subxectivo.
As críticas vertidas hai uns días polo Partido Popular de Rianxo contra o executivo local, nas que, entre outras cuestións, o acusaba de levar ó Concello a unha situación de quebra económica, cunha débeda por riba dos tres millóns de euros, non sentaron ben ó equipo de goberno.
O alcalde, Adolfo Muíños, e o edil de Facenda, Tobías Betanzos, saíron ós medios para desmentir tales afirmacións. Segundo o rexedor o Partido Popular interpretou os datos do Plan Orzamentario a Medio Prazo presentado no último pleno dun xeito malicioso e subxectivo, intentando crear un estado de alarma entre a veciñanza inxustificado que non ten nada que ver coa situación económica real do Concello.
O rexedor negou ademais que, tal e como afirmaban dende o PP, o investimento previsto polo Concello fose cero, o que evidencia o escaso coñecemento ou o desinterese pola xestión municipal, poñendo como exemplo a renovación das luminarias en todo o Concello, cun investimento de 800 mil euros, entre outras actuacións.
Dende o Concello tamén negaron que a situación da débeda do Concello fora tan crítica como afirman dende o PP.
Tamén quixeron desmentir que o Concello suba os impostos ós veciños.